Thursday 16 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 2,8M€ en programas de emprego na comarca do Barbanza en 35 cursos para formar a case 800 desempregados


— O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na apertura do Plan Integrado de Emprego de Amicos que formará a 100 alumnos grazas a un investimento da Xunta de 250.000 euros

— O representante do Goberno galego puxo en valor o esforzo da Consellería de Emprego e Igualdade para a posta en marcha de 3 Plans Integrados de Emprego, 4 obradoiros e 28 Accións Formativas para Desempregados na comarca

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, participaron na presentación do Plan Integrado de Emprego que organiza este ano a entidade Amicos.

Este PIE conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes. Este taller de formación consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contará coa colaboración de varias empresas da contorna.

Trenor destacou que esta entidade ten un importante compromiso coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Entre as accións máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contarán con 28 cursos nesta área e cun investimento de mais de 900.000 euros e os Obradoiros de Emprego, para os que a Xunta reserva outros 1,4 millóns de euros para a apoiar a celebración de 5 talleres de formación que se unen aos 3 Programas Integrados de Emprego que supoñen un investimento total de máis de 500.000 euros.

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta investirá na comarca do Barbanza máis de 2,8 millóns de euros nestes tres plans de emprego que permitirán a celebración de 35 cursos de formación para desempregados e a formación de case 800 alumnas e alumnos desempregados.